Monday 13 de May de 2024

A Axencia Galega de Doazón de Sangue impulsa en Riveira unha campaña de concienciación entre os nenos do municipio


1.100 alumnos recibirán un libro de Os Bolechas sobre a materia

A Axencia Galega de Doazón de Sangue vén de escoller o concello de Riveira para impulsar unha acción piloto no marco da campaña “Mensaxeiros Solidarios” co fin de concienciar sobre a importancia desta materia xa dende as idades máis temperás.

Para falar desta iniciativa compareceron hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas a directora da citada Axencia, Marisa López, xunto a edil Herminia Pouso na súa condición de concelleira de Educación, área que colabora na actividade.

A acción consistirá no reparto de 1.100 exemplares dun conto de Os Bolechas titulado “Papá Bolechas doa sangue” entre todo o alumnado de Infantil (tres cursos) e de primeiro de Primaria dos doce centros educativos do noso municipio, acompañados doutros tantos tarxetóns informativos sobre a transcendencia vital deste xesto.

Marisa López salientou a boa resposta dos riveirenses á hora de involucrarse nas campañas de doazón, situándose en 2016 nun 52 por 1.000, “bastante por enriba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde”, con 130 doadores novos ata sumar preto de 5.000 persoas censadas no noso termo municipal.

Tres días de unidade móbil
Así mesmo, comunicou que de forma excepcional a unidade móbil de sangue estará situada na praza do Concello tres días en lugar dun como é costume (adoita estar o primeiro venres de cada mes). Concretamente, o xoves 2 e o venres 3 de febreiro, de 10 a 14 e de 16.30 a 21 horas e os sábados de 10 a 14.30 horas.